Discurso da Federación de Ateneos no Acto de Homenaxe a Otero Pedrayo en Trasalba

Señor Presidente da Fundación Otero Pedrayo
Señor Alcalde de Amoeiro;
Representantes e membros dos ateneos galegos;

Permítanme expresar, en primeiro lugar, o noso máis sincero agradecemento á Fundación Otero Pedrayo e, de maneira moi especial, ao seu presidente, o profesor Eduardo López Pereira, por todas as facilidades, o entusiasmo e a xenerosa colaboración que fixeron posible a celebración desta xornada.

Grazas por custodiar con rigor e agarimo o legado de don Ramón e por abrir sempre as portas desta casa a cantos desexan achegarse á súa memoria e á súa obra.

Quero tamén agradecer publicamente ao alcalde de Amoeiro a súa espléndida disposición e colaboración.

Un agradecemento moi especial ao Ateneo ourensán, cuxo responsable, Pablo González, axudou a facer posible este evento hoxe, e tamén a Pilar Sampedro, do Ateneo de Santiago.

Moitas grazas, Pablo e Pilar. Estamos en débeda con vós.

A Federación de Ateneos de Galicia quixo iniciar o pasado ano unha tradición que aspira a consolidarse no tempo. Fixémolo en Rianxo, rendendo homenaxe a Castelao, e hoxe continuamos ese camiño aquí, en Trasalba, honrando a memoria de quen foi un dos grandes construtores intelectuais da Galicia contemporánea.

O noso propósito é sinxelo e, ao mesmo tempo, ambicioso: reunir cada ano os ateneos galegos arredor dunha figura esencial da nosa cultura para recoñecer o seu legado e renovar o noso compromiso cos valores que representan.

Recibide todas e todos a máis cordial benvida a este acto de homenaxe que a Federación de Ateneos de Galicia celebra hoxe nesta Casa de Trasalba, un dos lugares máis simbólicos da cultura galega contemporánea.

— SALTO DE PÁXINA —

Non nos atopamos simplemente nunha casa ilustre. Estamos nun espazo que forma parte da nosa memoria colectiva, nun fogar que foi testemuña do pensamento, da creación intelectual e do compromiso galeguista.

Entre estas paredes, e na paisaxe humana e natural que as rodea, foi tomando forma unha maneira de entender Galicia que aínda hoxe nos ilumina e nos interpela.

Trasalba é moito máis ca un lugar xeográfico: é un símbolo da Galicia culta, aberta, humanista e fondamente comprometida co seu propio ser.

Por iso resulta especialmente significativo que os ateneos galegos nos reunamos aquí, na casa que mellor representa a vida e o legado de don Ramón, para renderlle homenaxe e para renovar, ao seu abeiro, o noso compromiso coa cultura e coa cidadanía.

A súa obra constitúe unha das achegas máis importantes ao coñecemento do noso país. Poucos intelectuais souberon integrar con tanta mestría a erudición e o sentimento, a reflexión académica e o amor á terra.

Nas súas páxinas atopamos a Galicia rural e a urbana, a memoria dos séculos e a esperanza do porvir. Otero ensinounos que un pobo só pode proxectarse cara ao futuro cando coñece e valora as súas raíces.

— SALTO DE PÁXINA —

Os ateneos compartimos plenamente ese ideal. Somos espazos de encontro, de debate, de formación e de participación cidadá. Defendemos unha cultura aberta, plural e comprometida coa sociedade.

Por iso nos sentimos especialmente vinculados ao legado de Otero Pedrayo, cuxa vida foi un exemplo de servizo intelectual e de entrega ao ben común.

Que este encontro sirva non só para lembrar a súa figura, senón tamén para reafirmar a nosa responsabilidade colectiva de manter vivo o patrimonio cultural que recibimos.

Porque as grandes figuras da nosa historia non pertencen unicamente ao pasado; continúan dialogando connosco e axudándonos a construír o futuro.

Moitas grazas a todas e a todos pola vosa presenza e participación.

Que esta xornada de convivencia, reflexión e homenaxe fortaleza os lazos entre os ateneos galegos e contribúa a manter viva a chama da cultura que D. Ramón alimentou coa súa vida e coa súa obra.