


Exercicios de escrita irreverente
O Ateneo de Pontevedra partillou coa Libraría Paz a presentación do libro Notas (*) ao pé de páxina, de Xurxo Estévez. Foi nunha conversa do autor con Antón Masa, o presidente da Asociación pola Defensa da Ría, ante un público ao que mantivo expectante e interesado a mirada irreverente con que Estévez se achega a un amplo abano de realidades.
A traxectoria vital do autor, coruñés de nacemento, inclúe longos anos de residencia no Brasil, Valencia, Lisboa e, agora, Pontevedra, e o cultivo de disciplinas como o teatro, a música, as belas artes, a radio e, por suposto, a escrita. Todo iso calla no seu libro en apuntamentos sobre a Historia de Galicia, a materia de Bretaña, o feminismo, Bob Dylan, o Imperio Romano, a CIA ou a Conferencia Espiscopal… Temas sobre os que versou o acto de presentación.
