Un peche de excepción

Un peche de excepción

Coa presenza de César Portela, Premio Nacional de Arquitectura, pechouse onte o ciclo A estirpe de Sesmero, no que tres arquitectos pontevedreses, pertencentes a diferentes xeracións, falaron do seu traballo seguindo a semente daquel nome senlleiro da arquitectura na nosa cidade a finais do século XIX e entre cuxas obras aínda desenvolvemos hoxe a nosa vida.

César Portela comezou falando do que que para el é un arquitecto e cal é a súa función dende a concepción do espazo que é o que define o seu traballo fronte a outras disciplinas artísticas, e sempre como parte dun engrenaxe do que participan diferentes profesionais. Tamén se referiu ás alegrías e frustracións que hai detrás do labor dun arquitecto e do duro e incerto do camiño que arquitectos como o propio Sesmero tiveron que percorrer, como el mesmo ao longo da realización das diferentes obras feitas da súa man na provincia de Pontevedra, no resto de Galicia, na Península Ibérica así como en diferentes puntos do mundo.

Cara todas esas obras nos levou o arquitecto para coñecer as súas singularidades así como súa relación coa contorna e interpretación do territorio no que se ubica e que supón unha parte moi relevante do seu traballo. Un traballo arredor do cal rematou a xornada de onte cun momento moi especial ao sumarse á conversa os protagonistas das dúas palestras anteriores do ciclo, Mauro Lomba e Manuel Bouzas poñéndolle o ramo a tres faladoiros xa inesquecibles na historia do Ateneo de Pontevedra.